Saturday 20 de April de 2024

Xunta e TSXG analizan en comisión mixta os avances en infraestruturas e novas tecnoloxías na xustiza


Todas as grandes infraestruturas están completadas ou en marcha, salvo Vigo, onde a Xunta segue a agardar polos terreos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, presidiron hoxe unha nova reunión da Comisión Mixta entre Xunta e TSXG, na que fixeron un repaso pola situación dos proxectos de novas infraestruturas e espazos xudiciais e un balance e previsión do Plan Senda 2020 de novas tecnoloxías na Administración de Xustiza.

No primeiro ámbito, o Goberno galego destacou que todas as grandes infraestruturas previstas se atopan rematadas ou en proceso, salvo en Vigo, onde a Xunta segue a esperar que o Concello cumpra o seu compromiso e ceda os terreos. Actualmente está en obras a Fábrica de Tabacos na Coruña, están licitadas en Pontevedra e os novos edificios xa funcionan en Ourense, Santiago e Ferrol.

En canto ao Plan Senda 2020, un dos seus obxectivos estratéxicos é a implantación efectiva do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) e, antes de que remate o ano, poranse en marcha tres pezas chave do proxecto: a sede xudicial electrónica, o visor do expediente xudicial e o sistema de Xestión de Arquivos físicos e pezas de convicción.

O visor do expediente xudicial electrónico é unha solución multidispositivo que permitirá o acceso ininterrompido á información dos expedientes xudiciais relacionados con cada profesional, tanto desde dentro como desde fora da rede de Xustiza, con totais garantías de seguridade.

A entrada en funcionamento a finais de ano do Sistema de xestión de arquivos físicos e almacéns de pezas de convicción posibilitará a xestión do ciclo de vida completo dos documentos e expedientes xudiciais en papel (arquivo físico) e os bens incautados (pezas de convición) con garantías de control na súa conservación e trazabilidade completa.

Tamén neste último trimestre de 2015 arrancará a Sede Electrónica Xudicial que, nunha primeira fase, posibilitará a presentación electrónica dos procedementos monitorios. Aliñado coa posta en marcha da Sede Xudicial Electrónica de Galicia publicarase unha nova versión do portal público da Administración de Xustiza en Galicia: eXustiza, que habilita novos espazos con servizos para os profesionais, así como contidos para achegar ao cidadán iniciativas relevantes que se están a levar a cabo no eido da modernización da Administración de Xustiza na Comunidade.

No que atinxe á petición de novas unidades xudiciais para Galicia, Xunta e TSXG examinaron as cargas de traballo actuais dos órganos da comunidade, pero dado que o Ministerio de Xustiza non confirmou aínda o número de unidades que se crearán en cada territorio, o que condiciona a proposta para realizar, decidiuse pospoñer a decisión ata que se coñeza esta cifra, sen prexuízo de que por parte da Comisión Mixta se seguirá realizando un control do volume de traballo.